|
Con este artigo
pretendemos facer unha reflexión do doado que é en moitas ocasións
realizar unha mellora substancial dunha cunca fluvial mediante unha
inversión discreta.
O río Xubia
O caso que nos ocupa é o da cunca do Río Xubia. Este río nace na
parroquia de Recemel (Concello das Somozas) e desemboca na Ría de Ferrol,
no lugar de Xuvia, logo de facer de límite entre os concellos de Narón e
Neda, nun bo tramo do seu recorrido final.
E un río de carácter marcadamente eutrófico polos grandes aportes de
materia orgánica recibidos en función da súa caracterización topográfica
e limnolóxica, que fan que en grande parte do seu recorrido sexa un río
de chaira que discorre por un sistema de fallas abertas nun complexo de
xistos. Isto, xunto coa presenza dunha cabeceira litolóxica terciaria de
compoñente calcáreo (Formación de Moeche-A Caleira) fan que sexa un caso
bastante excepcional no que é común nos ríos galegos, con excepción
feita dos de mais amplo percorrido.
Este medio fluvial englobado nunha ría coma a de Ferrol, pechada e dunha
grande produtividade biolóxica, vai dar lugar ás condicións precisas
para o emprazamento dun ecosistema lótico cunha produtividade moi alta.
E dentro deste ecosistema desenrólase unha poboación de salmónidos
bastante interesante, plenamente caracterizada en diversos estudos o
longo do tempo, estudos que en varias ocasións teñen constatado que a
pesar da incidencia de varios e graves problemas crónicos nas súas augas
como contaminación e furtivismo, fan fincapé na abundancia das clases de
idade de troitas de tamaño pescable nas súas augas. Ademais é coñecido
polos pescadores de reo que o frecuentan, polos reos de gran tamaño que
cunha regularidade abraiante dan as súas augas.
Só se entende o que este río aguante o tipo desta maneira polas boas
condicións de partida que presenta. Proba da capacidade de recuperación
do mesmo son as mortandades do ano 1956 (vertido de sulfatos de cobre
das balsas de decantación dunha explotación mineira en Moeche) que
arrasou totalmente o río facéndoo velenoso por un período non menor de 5
anos, logo dos cales se converteu nunha referencia da pesca en Galicia
polo tamaño e abundancia de capturas, ou nunha xeira posterior a
mortandade provocada pola conserveira O Cisne que eutrofizou a metade da
cunca por vertidos orgánicos no ano 1989. A día de hoxe a situación da
contaminación segue a ser grave por mor das verteduras urbanos de San
Sadurniño (en vías de solución) e industriais por vertidos de industrias
do polígono da mesma vila. Ademais de numerosos focos de augas fecais
que verten directamente ó río, e proceden en moitos casos de vivendas
particulares
O debate da
permeabilidade de paso
Logo de facer unha sucinta relación das circunstancias que rodean as
circunstancias vitais desta cunca, imos entrar nun tema particular que é
o da permeabilidade de paso existente para as especies de migratorios (e
porque non, tamén de salmónidos residentes) existentes na cunca.
Atopámonos ante unha cunca xa agredida de vello neste aspecto. Só
mencionar que xa no ano 1790 fúndase a Fábrica Nacional de Cobrería, o
que implica o levantamento dunha presa para dotar de forza motriz á
maquinaria da instalación fabril. Esta presa que hoxe coñecemos como
Presa do Rei, desviaba, e desvía a auga ó longo dunha canle de 1.250 m
ata o interior da Fábrica onde era utilizada como forza motriz directa.
Neste caso o impacto da instalación en forma de efecto barreira, se ben
sería bastante duro debido á altura da presa, non se combinaba con
outras afeccións que producen as actuais instalacións, singularmente a
morte de xuvenís e zancados nunha instalación dotada dunha turbina
Kaplan que saibamos non comete fallos á hora de axustizar ós peixes que
ousen entrar no seu interior.
Para explicar o efecto que provoca esta presa no entorno do cunca baixo
do Xuvia , o mais simple será dicir que se xunta a sarna có pelo longo.
En concreto sucede que aparte do efecto barreira do propio embalse, duns
6 m de altura, engádese que pola lonxitude da canle temos un tramo de
río con caudal nulo ou moi escaso polo menos ó longo duns 4 meses ó ano.
Esta falta de caudal, que afectaba ata a escala antiga de que estaba
dotada a presa (un modelo de artesas procedente dos anos 60 do pasado
século) repercutía non solo na perda dun tramo de río para a pesca,
senón que pola configuración do río impedía todo intento de remonte de
migradores ata a época de riadas. Polo demais este feito derivaba nun
ateigamento de peixes en tramos de auga case parados, que finalmente
pola mestura de peixes recen entrados e peixes vellos, era unha masa de
auga moi difícil.
Sito, que se constitúe nun anatema para moitos pescadores, que entenden
que os peixes deben ser suxeitos mediante dispositivos artificiais (retidas
e presas) para facilitar a pesca ¿deportiva?, dende o meu punto de vista
persoal non ten sentido se entendemos o río coma un ente dinámico. Eu
defendo que se queremos ríos sans, non soamente debemos tronar contra a
falta de permeabilidade dos ríos para o ascenso de migradores cando nos
convén, senón tamén introducir o debate interno no mundiño da pesca
recreativa de si se deben restrinxir as oportunidades de paso dos peixes
no río en función das nosas comenencias de coutos e lugares de pesca. Ó
meu modo de ver deixar os ríos có ascenso franco vai a repercutir que ó
mellor as paradas dos peixes non coincidirán coas nosas comenencias
piscatorias (¿ou as que impuxo no imaxinario dos pescadores unha
administración pesqueira anterior acostumada por obra e graza de D.
Claudio ó ordeno y mando?) senón coas instintivas dos peixes.
E introduzo este debate posto que se nos atemos a este sofisma de
pretender ser usufrutuarios dun medio natural (pero solo un poquito) que
algúns pretenden, penso que lle faremos o caldo gordo ós que defenden os
ríos compartimentados e embalsados, só que eles o defenden para un uso
privado restrinxido (enerxía) e nos para un uso privado mais extenso
(pesca recreativa).
Toda esta perorata lévame a que posiblemente esta forma de ver as cousas
leve aparellado crear novos problemas como pode ser levar os peixes a
zonas con escasa presenza de gardería, aínda que en conxunto penso que
debemos tender a unha naturalización do medio.
O longo camiño
O feito é que no caso do Xubia polo punto onde se produce a restrición
de paso, non temos posibilidade de introducir este debate, en tanto que
ata a posibilidade dunha regulación de pesca como a comentada con
anterioridade, non ten posibilidade nin obxecto, en tanto que o tramo de
pesca logo do inicio do remonte de migradores é case inexistente. Cómpre
polo tanto asumir que era necesario unha mellora substancial do
mecanismo de paso (escala) sen deteriorar a presa, que para ben ou para
mal é un elemento patrimonial inventariado e polo tanto debe ser
protexido.
Logo de varias tentativas por parte da sociedade que represento
(entrevistas, solicitudes, e tamén un Informe - proposta de eliminación
de obstáculos no cunca do Río Xuvia presentado por primeira vez no ano
1993 e reiterado e mellorado ó longo do tempo) chegouse á conclusión que
tanto o deseño da escala existente, como o seu caudal non eran os
axeitados, polo que se pensou na súa substitución.
Coma lentos e insondables son os camiños do señor non foi ata o ano 2005
no que se licitou dito proxecto. Hai que dicir que esta iniciativa
entrou a remolque da concesión ó Concello de Narón do Programa Life de
melloras en cuncas salmoneiras (ano 2003) conseguido sendo Concelleiro
de Medioambiente o Sr. Pablo Villamar, pero que logo do entusiasmo
inicial da Xunta en colaborar para a foto de familia, quedou en auga de
borraxas ata a data de licitación sinalada. A partir de aquí todo un
cúmulo de despropósitos organizativos e administrativos longos de
referir, fixeron que esta obra non puidera iniciarse ata este ano en
curso.
A escala actual
Coma dicíamos en Abril de 2005 realizouse a licitación da obra, pero por
problemas administrativos a obra non comezou ata Xuño do ano en curso.
Aínda con todo houbo unha serie de circunstancias que fixeron que dende
a sociedade que presido non tiveramos claro que se fora a rematar. Entre
elas o tardío de inicio de obras e o feito de que nun ano pleno de
choivas (polo menos parecíao no momento de inicio das obras) nos
permitíramos o luxo de paralizalas en pleno mes de Agosto 15 días para
dar vacacións ós empregados (non entendo que clase de planificación de
obra acuática é esta, pero alguén o explicará no seu día). Logo deste
circo de sucedidos, e cando a cousa parecía que ía a peor, a cousa
pareceu tomar forma durante o mes de Novembro grazas á seca que nos
azoutou (se non chega a ser por ela o pesadelo dun ano de desove perdido
sería unha realidade) e as obras andaron a bo ritmo.
Finalmente e en data de 22 de Novembro a escala xa concluída púxose en
funcionamento.
A escala é unha escala de escotaduras verticais (vertical slots). E un
tipo de escala posta a punto para o paso de Hell`s Gate no Río Fraser da
Columbia Británica nos anos 50. Dentro do que sei é un modelo que
permite unha permeabilidade moi alta e que incluso beneficia a peixes
fora da familia dos salmónidos (zamborcas e anguías) pola enorme
disipación de enerxía do fluxo de auga que produce. Outra das súas
características é a súa grande adaptabilidade a caudais variables.
A maior facilidade de franqueo, xunto có paso dun caudal de auga mais
elevado que a instalación á que substitúe (na actualidade o caudal
estimado é de 650 l/s), parecen facela unha instalación ideal para os
nosos fins.
Dentro destes fins é evidente que tanto como a facilidade de franqueo
nos interesa dar valor de novo a un tramo de río bastante longo
(recordamos uns 1250 m.) que volverá de novo a saber o que é ter auga e
incluso correntes en pleno verán.
Resultados? É cedo para dicilo pero a simple vista parece que funciona
de marabilla e os reos a soben en punta de gas; isto é un simple
impresión e esperamos que se corrobore en canto se instale o contador de
peixes que parece ser que vai levar esta instalación.
O camiño foi longo, pero polo momento parece que pagou a pena.
O futuro
Pero non todo acaba aquí, vale, agora xa subimos os reos por riba da
presa do Rei, xa están nas zonas de corrente que nos interesaba pescar.
Aquí entra o debate que introducíamos antes. ¿É necesario pensar en
novas accións que melloren a permeabilidade horizontal do río sen
trabas? ¿Ou polo contrario debemos optar pola postura tradicional de
deixar os peixes estabulados ata a época do desove para permitir a súa
pesca cómoda?
A nosa postura como sociedade é que salvo circunstancias moi
específicas, debemos optar pola primeira opción.
Por iso un dos futuros proxectos desta sociedade é a implementación
dunha escala na seguinte presa augas arriba . Esta presa é a denominada
A Retorta. É un obstáculo notable (cota 2.5 m) pero que en augas altas
os peixes pasan con relativa facilidade. En augas baixas soamente os
peixes de maior tamaño conseguen superala.
O proxecto constaría dunha escala modelo Denill ou no caso un Canadian
Pass, dependendo dotacións orzamentarias.
Aquí ven o problema e que logo da instalación de Presa do Rei a
administración non parece estar disposta a investir mais por mooooito
tempo, có que terá que entrar a capacidade propia de inversión en xogo.
Coma esta non é moita deberemos ou ben buscar un socio capitalista para
este fin, ou no seu caso reducir a contía do proxecto e adaptalo ás
nosas capacidades. En calquera caso e tendo que a inversión programada
non sería moi alta (incluso se poden facer este tipo de escalas en
madeira tratada, non teñen que ser imperativamente en aluminio) pensamos
que non será cousa de moito tempo podela asumir xuntos ou acompañados.
Pensamos que con estas dúas accións a posibilidade de acceso dos
migradores (¡¡eses salmonciños que apareceron nos últimos anos¡¡) ós
frezadeiros da cabeceira do Xuvia e do seu afluente o Castro, estarían
aseguradas.
Eloi Saavedra Vidal, Presidente da Sociedade de caza e pesca Xuvia |