O MUS, Metodoloxía, Praxe e Outras Banalidades

Portada Grande:
Comentarios de Prensa:
Naipes da Imprenta Comercial (A Coruña)
Baralla Galega Gogue
Solombo Medias de Pitos Trinta e unha

Carlos Bóveda

O Mus

Dedicado a Xosé Manuel por imbuírme a súa Cátedra.
E a todos aqueles-as que ousaron enfrontarse a nós, esnafrándose, por engrandecer
aínda máis, se cabe, o noso magno palmarés de Grandes Mestres.

Co meu entrañable agradecemento a:
Carlos Bóveda (Q.E.P.D.)
Fausto Isorna
Gogue
Enrique Davila
Xerardo Rodríguez
Leandro Martín de Arellano
Imprenta Comercial, A Coruña
Dous The Copas Corporation
Paulino Novo
e New Port, Comunicación e Imaxe

SUMARIO

Prólogo de Xerardo Rodríguez
Prólogo de Leandro Martín de Arellano
Limiar
Valor das cartas
Lances
Dinámica do xogo
Estructura da teoría e a súa aplicación práctica
Estratexias
Galería de Virtuosos
Incunables e retranca da terminoloxía popular
Perfís
Sinais
A nobreza do xogo
Retrincos soltos
Baralla Galega
Epílogo

PRÓLOGO

Miguel Piñeiro chegou a Vigo de pardillo atrevéndose a disputar un "Tute de catro" no Roucos, cando o finado de Laxeiro nos tocaba a frauta e Conde Corbal sentenciaba sobre a beleza da Margariña…
Eu nunca o quixen como compañeiro, por iso me gañou algunha vez, poucas; xa que os xornalistas da época entrenabamos dabondo nas noites viguesas que case sempre se convertían en madrugadas….
Algunha "Escoba" botamos "man a man" pero, a verdade, non era inimigo para un de Cudeiro, onde -xa se sabe- o deporte nacional é este xogo.
Incluso algunha noite –xa na era moderna- fomos a medias no bingo, invento pensado para parvos coma nós que nunca sabiamos como alonga-la noite….
O que si, xa daquela, Miguel era un rapaz imaxinativo, furafollas, de moita labia, simpático, interesado polas conversas profundas e grande conquistador, como se dicía entón. Naquelas partidas do Roucos, animados sempre pola augardente de Cenlle, "Gran Reserva do Sem", Miguel sentaba flanqueado por dúas vikingas, que para Corbal era sinónimo de beleza ilimitada….
E mira ti por onde, Miguel resulta agora non só xogador, senón tamén escritor do Mus, que, segundo descubriremos non é un xogo madrileño deses que se practican nas urbanizacións que poboaron Las Lomas, senón un xogo que, cando menos polo idioma, resulta noso, do País e enxebre por demais.
Os da partida do "Sexto" teremos que ler polo miúdo esta publicación de Miguel Piñeiro para ver se aprendemos a botarlle un pouco de Mus ás nosas vidas, en vez de tanto "Tute".

Xerardo Rodríguez

PRÓLOGO

Cando Miguel Antonio me invitou a prologar este Manual de Mus en Lingua Galega, pensei que podería escribir sobre un libro editado en Galicia, escrito en galego, para xogadores galegos; despois desta reflexión, díxenme: o Mus define unha expresiva maneira do ser da cultura do ocio nacional e ademais é un xogo con carácter integrador polo nexo de unión de congregar nunha mesa a catro persoas dispostas a se divertiren, coñecerse e compartir algo máis co seu tempo, no que os gañadores poden fachendear da súa sabedoría musística (en poucas ocasións se recoñece que a sorte ou o azar nos favoreceu) e os perdedores cariacontecidos (véxase a cara de "tontos" que se lles pon) pensar na vindeira estratexia para saíren vencedores. E continuei dicíndome: entón, hai que facelo.
Co respecto que profeso a tódalas maneiras de xogar ó Mus en España, debo recoñecer que o xeito de xogar en Galicia crea un foro de comunicación e relación onde as animadas, ás veces polémicas, estimulantes e moi serias partidas son longas ou breves igual cós seus comentarios, pois en segundos xa estamos na próxima xogada, xogo ou final da partida, e entón as conversas sobre a mesma poden semellar ós Órdagos que igualan a perdedores ou gañadores para volver a xogar en paz outra volta.
Esa variada forma de xogar ó Mus descríbea o Autor en clave de humor para aqueles que son coñecidos seus e saben xogar ó Mus e, para os que non o son e ademais queiran aprender, este libro aspira a que o fagan a través das súas páxinas.
O perfil que expón da variada gamma de estilos dos xogadores é sinceramente xenial e á terminoloxía que coñecemos de sempre hai que uni-la que nos deixa coñecer Miguel Piñeiro, que por dereito propio se incorpora á que o mesmo xogo xera a cotío.
O Mus é un xogo divertido pero esixente, compensa ós pachorrentos e tenta ós audaces, pero sobre todo, como xa teño dito algunha vez, é o xogo máis psicolóxico, prudente, faroleiro e analítico que poida existir, e onde o corazón ás veces ten moito que dicir e decidir.
Confío en que este libro que ten nas súas mans contribúa a coñecer e practicar máis este xogo en Galicia, pois a filosofía que conleva o Mus encaixa perfectamente no carácter galaico.
A miña felicitación ó Autor pola súa iniciativa, o seu traballo e o seu esforzo. O Mus e tódolos que o amamos agradecémosllo, e eu, particularmente, pola súa invitación a prologa-lo.

Leandro Martín de Arellano
Presidente da Federación Española de Mus

LIMIAR

Sen dúbida teredes oído moitas e variadas hipóteses no canto ó Mus, pero o que aquí se reflicte é o resultado dunha rigorosa e exhaustiva, mesmo inverosímil, analítica.
Non fagades caso de arrepiantes e prosaicas verborreas, o MUS concatenouno un ferrolán.
Xosé Manuel González-Gil de Bernabé é o verdadeiro, auténtico, xenuíno, autóctono e atávico Mestre deste xogo de azar, sendo, quen subscribe, o seu alumno máis avantaxado; a saber e sáibase, un pozo de sabedoría no "mussing".
Dende tempos inmemoriais, as bravatas dos bufóns e as cantatas dos trobadores adxudican a concepción deste nobre xogo a individuos de distinto pelaxe que, en absoluto, teñen que ver coa realidade máis plausible. Simples nimiedades históricas.
González-Gil de Bernabé, galego afincado nos "Madriles", deseñou todo un tratado social que artella e dá senso e latexo a uns lances de naipes que de por si resultarían mesmo aburridos e tediosos.
¿Qué sería da lei da gravidade de Newton sen a oportunísima mazá? Pois o mesmo que este insulso xogo de azar sen a concepción universal do Gran Druída Museiro: un estrepitoso e clamoroso fracaso.
Xosé Manuel escudriñou nas entrañas dos naipes para iniciar todo un proceso loxístico que desemboca na Ciencia Museira Absoluta (CIMA). O Mestre debullou o sorriso da Sota de Bastos, mediante unha análise matemática vertebrou a orientación dos picos do Sete de Espadas, argallou enxeñosamente o señorío do Rei de Ouros e alquimizou o soberbio equilibrio do Cabalo de Copas.
Estractou o ADN do Mus; formateouno, vaia. A humanidade está en débeda, pois, con este aposto ferrolán que puxo proa e norteou moitas veladas de ocio.
Queda xustiprezado o teu pedigree museiro, Xose…


Indicación ad hoc


É tal a fortaleza social desta entretida e amena festa barallística, que mesmo os académicos tiveron que adecuar unha lingüística axeitada, esta resúmese e compéndiase no españolísimo verbo "Musear".
Mus: acción pracenteira e reconfortante de mata-lo tempo aplicándose con paixonal fruición e vehemencia.
O autor, froito dun adestramento sen parangón, conciso e meticuloso, por parte do Mestre, intenta con esta humilde antoloxía que a CIMA estea ó alcance de calquera mortal, a sabendas da evidente incomprensión á que se vai ver sometido.
Aínda así, os máis avezados e cavadizos, con inusuais doses de esforzo e concentración, poderán chegar a entender e asimilar minimamente a pragmática filosofía do Mus.
Debemos observar e anticipar que a lectura deste tratado se desaconsella para neófitos impenitentes, por mor de non causar irreversibles efectos narcotizantes. Aínda así, os inasequibles ó desalento poden adentrarse nos procelosos labirintos deste estudio para pór a proba a súa propia capacidade…
A sabedoría popular galega é concluínte: ¡Non merques can a cazador nin ferramenta a carpinteiro!
Por certo, Einstein dixo "¡Deus non xoga ós dados co Universo!"; deducimos que, de xogar, faríao ó Mus.
Síntome abrumado polo peso da responsabilidade e aínda así enceto, sen tantaruladas, o desenleo deste manual.
Feita esta sincera advertencia, procedamos…

VALOR DAS CARTAS

Se no Tute os Ases teñen un valor preferente e na Escoba o Sete Velo tamén, no Mus tódalas cartas teñen un valor propio e específico para cada xogada. Aínda que, preferentemente e por lóxica unhas máis que outras, situaremos ós Reis por enriba das demais.

* Os Reis, tamén chamados "barbas", "morlacos", "porcos", "miuras" ou "máquinas de aramiar", teñen un apoio adicional cos catro Treses. Aquí principian os problemas para os máis herméticos. Pero como damos por suposto que un "terco de entendemento" non ten capacidade para xogar ó Mus, concluirase que os Treses teñen o mesmo valor cós Reis. É dicir, un Tres é o mesmo ca un Rei, ou un Rei ten que pasar pola humillación, aldraxe ou ignominia de ver como ós Treses se lles dá o mesmo valor.
Seguimos con problemas: os Ases, tamén chamados "Pitos", "cousiñas" ou "escarabellos", teñen o mesmo valor cós Douses. Xa sabemos que esto resulta de difícil comprensión pero debedes intentalo: os Douses son iguais cós Ases (quen llo ía dicir ó As de Ouros) e os Treses son, asemade, Reis.
Estaremos xogando, por tanto, cunha baralla que ten oito Reis e outros tantos Ases (no vello Oeste, o Mus sería unha fonte de recursos inesgotable para os enterradores).
Os Reis e os Treses valen 10 e os Ases e Douses valen 1 (se non entendes esto debes volver a *, e se ó chegares aquí de novo segues sen asimilalo, non esnaquices máis neuronas, abandona e desiste sen rubor ningún…).
Os Cabalos e Sotas tamén valen 10 e despois os Setes valen 7, os Seises valen 6, os Cincos valen 5 e os Catros valen 4.
A estas alturas algún estarase preguntando ¿e despois dos Catros, qué pasa cos Treses e cos Douses…?. Sen comentarios.

LANCES

Grande, Chica, Pares e Xogo ou Punto.

A GRANDE, o seu propio nome o indica, é a xogada que será gañada por quen posúa na man o maior número de Reis ou Treses (en noxento compadreo). Caso de producirse un empate entre dous ou máis xogadores, decide o valor da seguinte carta maior, léase un Cabalo, Sota, Sete, etc.
"Rei-Cabalo-As-As" gaña a "Rei-Sota-Sota-Sota". (Aínda estás a tempo de deixalo).
"Rei-Tres-Sota-Sete" gaña a "Rei-Tres-Sota-Seis".
No caso de que dous xogadores teñan a mesma combinación nas cartas, gaña aquel que sexa "man" (excuso explicar quén é "man" e quén é "pé" ou "postre"; ¡a "man" é "man" e o "pé" é "pé"!, ¿capisci?).
Por suposto tres Reis gañan a dous, e catro Reis… (¿teño que analiza-lo valor de catro Reis?)…, pois seguimos.

A CHICA, ou Pequena, será gañada polo xogador que leve máis Ases en proporción de valor inversa á Grande:
"As-Dous-Cinco-Seis" gaña a "As-Dous-Seis-Seis".
Tres Ases gañan a dous e catro Ases…

O lance dos PARES dirímese entre aqueles xogadores que dispoñan na man dunha parella, trío (denominado "Medias") ou dobre parella (chamada "Duples").

Apréndase:

Unha parella perde contra trío (Medias), sexa cal sexa o valor das cartas. A dobre parella, Duples, sempre gaña ó trío e, por suposto, avergoña ó simple par.
No caso de empate, gañan as de maior valor.
Medias de Sotas gañan a Medias de Pitos.
Duples de Reis-Catros gaña a Duples de Cabalos-Setes.
Repito, ¿terei que explicar qué facer con catro Reis…?

O XOGO é un lance no que teremos que suma-lo valor das cartas.
A combinación de tres figuras Rei, Cabalo e Sota cun Pito suma 31.
O Mestre González-Gil de Bernabé dispuxo antolladizamente esta puntuación e ninguén o cuestionou, o que certifica o seu acerto.
A combinación óptima son 31 puntos, seguida de 32, 40, 37, 36, 35, 34 e 33 (continúan os enxeñosos e certeiros caprichos do Mestre). Aquí habilitamos un Premio Especial para os avezados que acaden 39 ou 38 puntos (estou convencido de que algún insensato collerá a baralla para ver se consegue as devanditas puntuacións).
En caso de empate sempre gaña "a man". Habería unha posibilidade de que "o postre" con 31 gañase á "man"; sería acadando unha combinación chamada "A Real", formada por tres Setes e unha figura, pero o Mus é un xogo de rexos principios e non andamos con mariconadas (con perdón). Segundo o lugar, A Real só se consegue con tres Setes e a Sota de ouros.

O PUNTO. Se ningún dos xogadores acada unha puntuación igual ou superior ás 31, habilítase un lance chamado "O Punto". A xogada gañadora do punto é a puntuación de 30, 29, 28, 27, 26, 25, etc.
Rei-Rei-Sete-Tres… Non son 30, son 37 (aviseite de que desistiras).
Rei-Cabalo-Seis-catro son 30.

DINÁMICA DO XOGO

Danse catro cartas a cada xogador e con elas debemos lancear e tantear ou ir ó descarte.
Unha vez repartidas, se unha parella leva boa xogada debe exclamar, mesmo ameazante e expeditivamente, "¡non hai Mus!" (os máis maleducados poden acompaña-la expresión cun sonoro "¡carallo!"). Se ninguna parlera "corta" o Mus (hai Mus) procederase ó descarte na busca da ansiada "porcallada" (léase e enténdase "fato de porcos").
Repartiranse cartas continuamente ata que unha parella corte o Mus. Neste instante procédese a dirimi-los lances.
A ritmo de "envido" ou "paso" xogamos a Grande. Os envites serán a gusto do envidador, desde 2 puntos ou tantos (chamados pedras) ata a grande éxtase (Órdago).
Na Chica procederase igualmente.
Nos Pares, por orde, os xogadores cantarán se teñen ou non pares (se algún xogador non leva pares, que se limite a asesorar ó compañeiro). "Parín" é unha licencia machista en desuso.
Caso de que dous contrincantes teñan pares, acometerase ó envite ou quedan en pase.
Co Xogo estamos na mesma. Cantarán se hai xogo ou non; se o hai amagarase ou non co envite.
Se non hai xogo vaise ó Punto, cos consabidos "envites", ou quedará en "paso".
Resulta evidente, a estas alturas, que o Mus non ten a facilidade práctica da Escoba ou da Brisca. Froito desta particularidade deriva a resolución de non enguedellarnos cos tanteos. O mellor é que alguén cualificado vaia introducindo ós neófitos na vertebración dos mesmos. Marilyn vos Savant anticipaba que o coñecemento se adquíre por medio do estudio, a sabedoría a través da observación…
Se aínda deveces, procedamos á escatoloxía museira…

ESTRUCTURA DA TEORÍA E A SÚA APLICACIÓN PRÁCTICA

En contra da opinión de versados e arrogantes xogadores de Mus, está o sofisticado Maxisterio do Mestre.
A CIMA asevera que no Mus a teoría non ten estructura e, en consecuencia, non hai aplicación práctica. Todo é interpretable, non hai lóxica (perdón, Felipe). Canto máis cantada estea unha xogada, maiores probalibidades hai de que sexa un burdo, cruel, traidor e zalameiro engano dos adversarios. Haiche moito cuco que obra arteiramente no exercicio…
Chamarlle "lóxica" á "evidencia" denota a falla de cualificación museira de quen a defende como ferramenta de xogo.
Envidar 5 a Grande con tres Pitos na man resultará un asombroso alarde metacarpiano se o contrario non leva dous Reis e un Cabalo, pero se os ten levaremos un bo nabo. Lendo a Quevedo asimilaremos "non dea voces o que se ofenda do eco" e na mesma intención está a "Lei de Gumperson" dos Quince Principios Básicos da Ciencia : a probabilidade de que ocorra un determinado suceso é inversamente proporcional ó desesable que sexa.
Tamén é moi numerosa a parroquia de seguidores de envida-la Chica cando teñen a porcallada (catro Reis) na man, e digo envidar por non dicir que meten 5 ou máis; neste caso a vaidade sairá "touchée". Son estes os chamados "gorxóns", que disfrutan coas "enchentas". Ante este tipo de patoloxías estomacais… bicarbonato ou laxantes en formato de "Órdago". Francis Picabia sostiña que a cabeza é redonda para permitirlle ó pensamento cambiar de dirección.
Outros proclaman a seriedade e obrigatoriedade de corta-lo Mus con Medias de Reis e 31, ¡pois non!, con este "bombardeiro", máis ben un punteirolo, debemos darnos Mus para que corte o contrario e leve nos fociños. Ademais debemos acompaña-lo noso Mus con variados retos e airados desafíos ós adversarios para provoca-la desfeita (aínda que, por coherencia, se debe cortar).
Corta-lo Mus sendo postre, con dous pitos ou 29, é unha xogada da que só sae airoso o Mestre, polo que se desaconsella o seu uso.
Os amigos do corte por excelencia "con pouco", ¡á man cun pemento!, deben asegurarse de que o pemento sexa de Herbón…
Sempre analizaremos a quen temos enfrente para proceder adecuadamente. A anarquía nos envites ten futuro se os opoñentes son máis ácratas ca nós. Debemos, pois, aclimata-lo noso xogo ás características dos contrarios; é a chamada táctica conxuntural. Non ir a remolque senon á par. Lanzarse cando sexa preciso e "arretobarse" sen vergoña se así o consideramos (prudentemente) oportuno. Xa dixo Aristóteles, que desto sabía mogollón, que a medida está no medio…
Cunha xogada que nos poida reportar suculentos beneficios debemos cortar, pero hai circunstancias nas que facerse o tolo ten as súas contraprestacións. Máis adiante verémo-los casos máis comuns que imos topar nos tapetes e así entenderemos que a mecánica debe ser improvisada en función dos adversarios.
Tódalas interquenencias, por miúda que sexa a súa apariencia, teñen ambiguas e variadas lecturas. De aí que o Mus estea catalogado como xogo dicotómico, ou mellor dito, multiforme. En calquera caso, estas e outras vicisitudes iranse asimilando coa práctica habitual deste enriquecedor, formativo e didáctico pasatempo.

ESTRATEXIAS

De novo estamos ante o carácter inefable do pensamento da CIMA. O predicamento do Mestre fundaméntase na simple intuición e dela agroma. Obviamente, para acada-las cotas absolutas da Ciencia Museira, os xogadores terán que dispor da cualificación oportuna, e esta adquírese maiormente… xogando. Paradoxalmente os cañeos e malleiras son dinámica e práctica habituais. Esto é o "sadomusoquismo": chegar, pois, á CIMA (lembra, Ciencia Museira Absoluta) a través da aprendizaxe (perder partidas ata a mesmísima desesperación).
Nos inicios ata pode resultar desagradable, pero avanzando nos inescrutables camiños do Mus chegarás a estar no Purgatorio do Saber.
Como moito nos tememos que andas aboiado e tés serias dúbidas da eficacia deste milimétrico adestramento, imos suxerir outro tipo de estratexia complementaria: a previa a apalancarse na mesa.
Estamos González-Gil de Bernabé e o que subscribe (a.m. ou p.m., indistintamente). De súpeto aparecen dous "pardillos" vociferando e dando proba da súa patética educación ante a nosa máis avergoñante indiferencia. En moitos casos mesmo nos veñen interrompe-la sesta con soflamas e improperios do peor estilo. É obvio que o seu ritual está encamiñado a argalla-la cópula museira. Despois de intentar persuadilos, con conmiseración, procedemos á timba. O fracaso degradante dos desafiantes será ineludible, amosando en público a súa total inepcia. Aínda así, fanfarronadas e laretadas forman parte simbiótica do xogo; se ben, deben ter un mínimo soporte de viabilidade triunfal, xa que logo unha derrota ten dous sabores: o malo e… o peor.
Absorbe, pois, que a humildade forma parte do señorío e que o saber estar xa é, de seu, unha victoria. Cerimonias á parte.
Só dous practicantes de Mus están autorizados a todo tipo de parafernalias gorgolexantes. Desde berrar abertamente as victorias no paseo dunha praia ata atormentar ós sufridos camareiros. A estas alturas de Master, tes que saber a qué dúas persoas de nobre avoengo nos referimos…
Estamos xogando. Endexamais se empreguen tácticas dilatorias ou disuasorias. O Irpf, a bolsa, o goberno, o colexio dos nenos, a veciña que está boísima… son temas superfluos que empañan e emponzoñan o normal discorrer dunha partida. Cando se xoga ó Mus, estes e outros temas de animada conversa pérdense na banalidade ata provoca-la ira do adversario, que a miúdo vai acompañada das punibles pero xustificadas expresións: "¡cala e xoga, carallo!", ou "¡falas máis ca un madrileño!", esta última raiando no indecoro provoca a alporización de moitos afeccionados, xa que hai máis madrileños practicantes de Mus ca galegos na emigración.
Non se debe fiar un das apariencias físicas dos posibles contrarios, pois baixo a pinta de mastruzo cunhas gafas de cu de botella, bandullo prominente, media xordeira e outros "atributos", pode agocharse un triunfador. Estamos, presumiblemente, ante o primeirizo que, froito da súa inconsciencia, nos pode amarga-lo día. Con estas cualidades físicas non se pode tratar dun experimentado xogador de Mus, xa que a práctica habitual e continuada deste xogo provoca unha reacción a longo prazo que desemboca na consecución da figura apolínea e nun estado físico espeluznante, froito de estar horas e horas sentado, exercendo…
Apelando ó refraneiro galego toparemos: ¡Canto máis burro, máis peixe!
Resulta mosqueante o escaqueo á hora de saldar contas coa caixa rexistradora. Un xogador de Mus de elite, caso de perder unha partida (por impensable que semelle), debe ser un Gary Cooper e deixar esmola con magnánima xenerosidade.
Para os principiantes aconsellamos prudencia, moderación nos envites, actitude conciliatoria, irmanamento e moita pachorra. As primeiras partidas semellerán ás ocasións nas que, sen saber xogar, non nos enteiramos da partida.
Non hai nada mellor que, ademais de perder, quedar de simpático…
Os iniciados xa saben dos estimulantes e formativos alicientes da práctica museira. Polo que folga deterse neles.
Os becarios máis astutos e temerarios seguro que demandan, outra volta, un proceder máis exhaustivo na exposición deste capítulo estratéxico e a manifestación dun sistema máis clarificador da temática museira. O refraneiro galego é concluínte ante este tipo de inxerencias: "quen calar non sabe, falar non debe". Se un non sabe xogar, que aprenda e logo que inquira sobre cuestións máis específicas. O "Axioma de Allen" é dunha practicidade aplastante: cando todo falla é que hai que ler de novo as instruccións…
Sábese dalgún que despois de vinte anos segue sen ter nin idea, non pretendades acada-la diplomatura polo simple feito de cursar esta metodoloxía. A pedimento dalgúns deles, acometo este curso acelerado…
Un último matiz para este apartado. Estamos a falar das tácticas entre parellas contrarias e imos deternos someramente nun punto especial, o trato entre compañeiros.
Calquera atisbo de disensión entre os xogadores da mesma parella provocará un alicerce na dinámica do xogo do adversario. Co tapete diante, mesmo antes e despois, a unidade entre compañeiros debe permanecer incólume. O máis mínimo forame será utilizado polos outros para seguir abrindo fenda e furgar na ferida a fin de estromiza-lo noso xogo.
Por mal que nos pareza un proceder, por equivocado que sexa, do noso "compa", debemos fortalecelo con ostensibles azos. Anímica, moral e intimidatoriamente teñen un efecto devastador.
Sen caer na empalagosidade, debemos proferirnos aloumiños de principio a fin. Se aínda así o resultado non é o desexado, xa teremos tempo de dicirnos catro afagos en privado.

INCUNABLES E RETRANCA DA TERMINOLOXÍA POPULAR

¡Reunión de pastores, carneiro degolado!: Aseveración do cuarto xogador ó comprobar como os outros tres están agardando por el, impacientemente, para principia-la partida.

¡Documentación!: Invitación, despois dun Órdago, a amosa-los naipes.

¡Pero qué has hecho, Nanín!: Frase lapidaria que amosa o espeluznante cabreo dun xogador co seu compañeiro despois de cometer este un erro de auténtico principiante.

¡O que sae ben está ben! ou ¡Quen dixo medo habendo hospitais!: Recurso expiativo dos insensatos despois de aceptar calquera envite contra o sentido común, e gañalo.

¡Antic!: Luís Fernández debe saber de Mus polo ben que aplicou a Radomir o uso de "pañuelitos de papel". Desgraciadamente no Mus hai moito Antic… catalogados como "mixiricas".

¡Puff, chooff, argg!: Requenaterna. Sonidos demostrativos da inutilidade e inoperancia das cartas para cortar Mus. Deben estar acompañados doutros rexistros de sonidos guturais e mesmo de notorios aspaventos como bota-las mans á frente, rasca-lo coiro cabeludo ou poñe-los máis raros caretos.

¡Rodaballo! ou ¡Flowers!: Equivalente a darse Mus.

¡Cegato perdido!: Patético estado de gafe natural que invita á desesperación ou ó Black-Jack. É preferible que che entre a peste bubónica, a "tirisia" ou, no seu defecto, unha palmoeira…

¡Montamos unha canteira no Porriño!: Frase que evidencia a aplastante superioridade dunha parella en "pedras".

¡Veña, á Chante!: Invitación dos gañadores ós perdedores a que vaian resarcirse da derrota á sala de festas-discoteca Chanteclair, pero cargar un carro de molime tamén resulta adecuada terapia alternativa.

¡Ah, paxaro!: Garimoso caneo de quen colleu a outro.

¡Leña!: Doses inxentes de "madeira" que recibe unha parella en formato de órdagos cando están a piques de saírse. ¡Zacla!, ¡Brasa!, ¡Róncalle! e ¡Caña! tamén se utilizan asiduamente como sinónimos. Aínda que consideraremos, como dixo Benjamin Franklin, que a necesidade endexamais foi un bo negocio.

¡Usmia! ou ¡Urpia!: "Piropos" desprezativos. Por ser de verdadeiro mal gusto, só se aplicará cando haxa moita, pero moita confianza; a poder ser, preferible que haxa familiaridade cosanguínea.

¡Está alborotado o galiñeiro!: Exclamación dos teoricamente superiores cando se ven rebasados polos contrarios. Tamén se aplica ¡Os coellos tíranse ás escopetas!

¡A modo, a modiño! ou "morneando": Oportuno consello galaico que invita á moderación e prudencia nos envites. É o Tran-Tran castelán. Algúns "snobs" que van de enteiradillos prefiren dicir "diesel".

¡A carradas!: Cando unha paralla gaña un fato de pedras.

¡Sol e praia!: Saída pola tanxente moi utilizada, na praia de Caneliñas en Portonovo, pola parella que acaba de perder unha partida. Adóitase escoita-lo dito mesmo nos días de brava treboada.

¡Portádevos!: Carismática suxerencia paternal do entrañable amigo Chuco para que incentivémo-lo turismo a través do Mus. Resulta obvio o caso omiso que lle profesamos (e non só no que atingue ó Mus).

¡Ás cinco!: Reto horario que se incumpre por sistema no verán por mor das consabidas "causas de forza maior".

¡A Noia!: Importación do popular xogo do Truco (curmán do Mus). A esta vila coruñesa adoitan ser enviados os que quedan co seu marcador "a cero". Intuímos que en Noia non fan censo poboacional fluctuante dos sufridos e esforzados "romeiros".

¡A chorar a Cangas!: Gracias a María Soliña, a esta fermosa vila pontevedresa erixírona capitalidade mundial das lamentacións de occidente. Como todos sabemos, as boas cartas van ós bos xogadores…

¡Camareiro, pon… e cóbralles xa a estes!: Presión psicolóxica de quen se cre gañador e vai invitando sibilinamente ós adversarios a que satisfagan a conta. Os usuarios adoitan invitar a xogar dicindo ¿queredes perder?

¡Cantáballe no papo!: Regodeo dos gañadores despois dunha histórica, arroutada e inverosímil remontada.

¡Marcha atrás e porco ó cortello!: Batida en retirada dunha parella despois de ser cachada nun farol. "Fuxe" ou "vaites" en galego, e "esgailai" en barallete.

¡De modo e maneira que te me vas pra Burgos!: Toda unha herdanza de D. Álvaro Cunqueiro que se aplica arbitrariamente.

¡Máis vale covarde un momento que morto o resto da vida!: Proverbio irlandés utilizado como escusa falaz cando se está atenazado polo medo ou pola impotencia.

¡Moito canguele!: Contestación á frase anterior.

¡Banzaaaai!: Arenga anímica entre compañeiros ante a proximidade do desenlace en favor da parella contraria.

¡Cheira mal o mexo do enfermo!: Intuitiva diagnose de que os contrarios van cheos coma puchos (ou coma o finado do Puto, que morreu farturento nunha épica enchenta).

¿Esto é todo o que sabedes?: Inapropiada dilixencia dos que van sobrados de amarracos. Desaconséllase o seu uso.

¡Estes son da escola da noite!: Cachondeo dos gañadores.

¡Hai que ir ó silabario!: invitación e consello a meditar unha decisión.

¡Estache boa a navalla!: Exclamación que enche de sorpresa e interrogación a quen a escoita. En moitas ocasións incluso a quen a pronuncia.

¡Vale, Nostradamus!: Reprimenda dun xogador á súa parella por aceptar un envite e perdelo.

¡Ata a cociña!: Permiso para ordaguear indiscriminadamente en casos extremos. Non se entende por que ata a cociña, se acaso ata o dormitorio, que resulta máis entrañable...

¡Termópilas, Guerras Púnicas ou Lepanto!: Entre outras célebres batallas. Consolo dos perdedores de terse batido como auténticos "xabatos" ante as inclemencias das cartas.

¡Empatou o Murcia!: Obviedade sen comentarios. Supoñemos que ós murcianos non lles gusta nada.

¡En Lestrove unha vella morreu barallando!: Observación que se fai ó que bota media hora barallando mentres se regodea na última xogada.

¡"Caghou un boi nun cabaso e non cagha a cada paso": "Potra" ocasional xustificada.

¡A raia!: Non ten nada que ver coa xeografía galaico-portuguesa, é un simple "Órdago".

¡Ai, miña perniña!: Enigma indescifrable pero de moito uso.

"¡A la vaca fallesida!": Situación de quen está a eito, a bravío, ó chou ou a durmir… Andazo de envurullo místico.

¡Hai que roelo!: Sic.

Puntualicemos:

Maiormente o Mus é un xogo que acepta todo tipo de terminoloxías léxicas e pode adoptar para si as particularidades expresivas de calquera xogador.
Importa, como xa vimos, frases e ditos doutros xogos e non ten unha constitución férrea, senón que a fluidez do diálogo enriquece o seu ameno desenvolvemento.
Se ben é certo que ante algunha posible alteración no proceder da partida, os puristas avogan pola linguaxe máis tradicional:

"Cinco" a secas, en vez dos "5 lobiños" e outras caralladas e "Paso", "Veña" ou "Hala" a secas, en vez de "Uff", "Argg" "Aire" e outros sucedáneos cinematográficos.

"Andando", "en marcha" ou simplemente "non hai Mus" son máis apropiados que "andiamo presto" (para máis inri algún di, sen pudor, "andamio presto"; e non é o meu amigo Pepe Caneda…).

"En Viduido" dignifica a ese lugar e "Vidueiro" á especie autóctona da nosa foresta pero "envido" ou "envidamos" son as fórmulas correctas.

Cantar xogo, sen telo, sendo postre e aquela-la xogada alporiza a calquera; esquívese malia as ganas...
Coa sa intención de que unha partida non se faga un insufrible martirio e suplicio para os contendentes, procede, pois, independentemente do resultado, non entrar a utilizar un léxico que mesmo pode ser entendido como ofensivo polos contrarios. Thomas Sowell aconsellou que mostar educación e consideración cara ós demais é como investir céntimos e obter pesetas de ganancia.
Debemos saber usar todo tipo de xiros, expresións e terminoloxía en función da franqueza e trato que teñamos coa parella de enfrente. Debemos sopesar cada vez que utilicemos calquera mutación léxica. Por iso a sobriedade dos puristas resta "jaramillo" á confrontación, pero tamén evita posibles entortos.
Aconsellamos, por tanto, derivar polas canles máis diplomáticas. Nin florear nin teatralizar en demasía nin ir polo libro taxativamente. Co paso do tempo, se o adoutrinamento foi asimilado e a aprendizaxe a adecuada, collerá sentido esta matización.

PERFÍS

Cada xogador de Mus representa un Universo propio, pero, a fin de irmos coñecendo as "especies" e "especimes" máis representativos, velaí van uns retrincos das facianas e dos procederes máis habituais.

FINO ESTILISTA: Xogador señorial con tódolos complementos. Intuitivo e agresivo ou prudente segundo demande a ocasión. Impresionismo puro.

VETUSTO: Seguridade e sobriedade son as súas mellores armas, pero non garante o espectáculo. Mesmo é rácano coas consumicións.

CABRONCETE: Mal inimigo e peor contrincante. Sempre está á espreita, a pillar. Non te podes fiar del nin o máis mínimo. Con boa xogada darase Mus, e se vai cego provocarate nun alarde de chulería. Tamén así como as dá, as toma. As súas escasas victorias van acompañadas dun sutil ritual tan banal coma superfluo.

ÁCRATA: Arcaico inconsciente. Cégao a tolemia e lévao a caer, ás primeiras de cambio, nun Órdago.

SORRISIÑOS: É aquel que pon sobre a mesa unha simpatía fóra do común que contrasta coas mermadas facultades museiras que posúe. En todo caso soe perder, aínda que para el o resultado é o de menos. Ata dá gusto velo pagar…

THE BOSS: Xogador xactancioso ata a saciedade. Xoga impregnado dunha bucólica áurea de autosuficiencia mística que desespera ós outros (tamén ó seu compañeiro). Se por el fose, xogaría desde unha tumbona. No regulamento da FEM está penalizado este tipo de actitudes. Semella fuxido do Barroco-Rococó. Gañarlle a un destes é como carexa-lo ceo… Debemos presencia-lo pago das consumicións con certa inquina.

MIÑOCA: Xogador de aplastante humildade. Acompaña os "de unha a dúas" con cariña de víctima e aire opusino. Cando te decatas está fóra, pero mesmo na celebración da victoria pasará por vencido. Parafraseando a Demócrito de Abdera, estes son como as abellas e traballan como se fosen vivir eternamente…

XOGADOR DE VERÁN: É aquel que aproveita o máis mínimo momento para aplicarse con profusión, xa que no inverno a parenta non lle deixa alternar. Simplificando, versión "Totus Tuus" ou "Martini", onde esteas e á hora que esteas; mesmo con quen esteas...

THE DANCE OF SAN VITO: Xogador un tanto repelente; por inquedo, por acender pito tras pito, polos caretos que pon, por facerche un seguimento visual mesmo violento… Aconséllase paciencia e tila en grandes doses.

MARUXA STYLE: El só abonda, verdadeiro catalizador. Cita para a partida, sitúa as parellas, leva o tapete, os naipes, as pedras, manda no xogo, pide por todos e non leva unha neveira ó lombo de milagre. É dicir, un coñazo. Iso si, organizativamente falando, un primor.

DESPISTES: Xogador que se ve inmerso nunha timba sen saber cómo nin por qué. Dá a impesión de levitar interiormente. Normalmente acaba do mesmo xeito ca como pricipiou, vaia.

ESPECULADOR: Envida e envida sen piedade nin tino. A golpe de envites vai hipotecando a partida se se lle sabe xogar.

MODELO GALICIA CALIDADE: De aplicación a todo aquel que asimile este Manual. Con certeza que algún espabilado xa o ten en fase de patente.

SINAIS

O xogo do Mus, como moitos outros, dispón dunha serie de acenos que deben ser pasados entre compañeiros sen que os vexan os contrarios, pois conleva o risco de ser descubertos e, consecuentemente, pifiala.
O xogadores experimentados e con certa compenetración a penas pasan sinais e resérvanos, se acaso, para as xogadas máis cruciais.
Está expresamente prohibido pasar sinais falsos ou inventados. Os sinais convencionais permitidos detállanse a continuación.
DOUS REIS: Morder sibilinamente o beizo inferior; e digo sibilina e sutilmente, sen quedar con el colgando.
DOUS PITOS: Saca-la punta da lingua, algúns lamben e babean o tapete.
MEDIAS: Tórcese a boca cara a un lado, sen chegar á parálise facial.
MEDIAS DE PITOS: Saca-la lingua por unha das comisuras da boca, sen que a lingua chegue á orella.
DUPLES: Levántanse simultaneamente as dúas cellas. Se nos cachan, podemos simular que nos entrou fume nos ollos.
31: Chíscase un ollo, esto ás veces dá lugar a certos "malosentendidos".
30 Ó PUNTO: Levantar un ombreiro, sen dislocalo.
CEGO: Pechar ámbolos ollos, de asombroso entendemento.

Hai outros acenos homologados pero cos devanditos iremos servidos. Ó igual que fixemos co tanteo, aconsellamos que estes sinais se practiquen de antemán cun veterano (e non me refiro ó coñac precisamente, senón a un xogador xa rodado).

A NOBREZA DO XOGO

Un é dos que pensa, certifica e asevera que o Mus é un xogo nobre, honrado e honesto.
É esaxeradamente difícil aplicarlle sentido de lucro económico, calquera outro xogo permite máis doadamente unha aposta.
Iso si, para sentarse a xogar ó Mus é requisito indispensable poñer en xogo un engado, desde un albariño ata unha cea, se se tercia. Calquera estímulo favorece a entrega e a concentración dos contendentes, outorga outro aliciente á partida e incentiva ós que a presencian, xa que logo, en ocasións, algún mirón, de recú, acaba convidado.
Cómpre redundar nos beneficios persoais deste xogo. O Mus non se presta ás trampas nin a outro tipo de procederes ruíns, viles e perversos. É un xogo onde a destreza, a intuición, a perspicacia, a habilidade e unha boa parte de psicoloxía se poñen a producir ata límites asombrosos e insospeitados…
Martina Navratilova sostén que quen dixera que gañar ou perder non é o que conta, probablemente perdeu, supoñemos que non o aplicou ó Mus…
Lamentablemente todos teñen acceso á práctica del, o Mus non oclúe a ninguén. E dicimos lamentablemente, porque algún que outro mamarracho indesexable ("piolla peghadisa" no argot tabernario) se coa nos contubernios museiros e mesmo intenta pasar por boa persoa, aínda que axiña se descalifica…
Xeralmente o Mus é un xogo de boas xentes e a circunstancia anterior non é máis cá excepción que confirma a regra. Non é xusto que se lle enxuíce por estes contados suxeitos que ademais, certo é, accederon ó xogo por simple infortunio.
A grandeza do Mus, por sorte, está salvagardada de seu e catalogaremos este contratempo como simple e lamentable accidente.

RETRINCOS SOLTOS

No discorrer da exposición foron quedando unhas pequenas lagoas ou baleiros das que nos ocupamos agora.

AMARRACOS: Cando se tantea, dous xogadores levarán as pedras, cada unha delas é un tanto, e os compañeiros van collendo os amarracos, cada un deles son cinco pedras ou tantos.

ENVIDO MÁIS: Se un xogador envida podemos "querer", "non querer" ou "envidar máis" (duplica-lo envite).

TRINTAS OU CORENTAS: As partidas poden xogarse a trinta tantos ou a corenta. O habitual son catro trintas ou tres corentas. Os que non teñan qué facer, poden xogar a cinco corentas

XOGADORES: O Mus "man a man" é un tanto monótono, polo xeral xógase entre dúas parellas, aínda que os máis ousados o fan entre seis xogadores.

REPARTO E MAZO: As cartas danse de unha en unha principiando polo xogador da dereita despois de cortar o da esquerda. Cando se procede ó descarte, danse seguidas. O mazo das cartas debe quedar entre o xogador que as repartíu e o que está á súa dereita. Cando haxa Mus, o primeiro en descartarse debe se-lo que dá.

O DEIXE: É un tanto a maiores que se aplica no "envido máis" non querido nos Pares e no Xogo. Cando se envida no Punto e os contrarios non o queren, tantéase o "punto e medo", que son dous tantos "porque non".

SOLOMBO: Non se refire á especialidade do Restaurante Antonio de Lugo, é a combinación de catro Reis.

Con estes retazos queda completo o Tratado. Insistimos en que, ante calquera dúbida, o consello dun profesional é a mellor terapia no rodamento da aprendizaxe.

EPÍLOGO

Chegados a este punto, só cómpre facer un último matiz e un desexo.
O matiz xa foi sutilmente anticipado ó longo destas páxinas. Non se pode "fabricar" un xogador de Mus. Este xogo combina técnica, perspicacia e habilidade, pero estas non se imprimen industrialmente. É imposible ateigarse de saber, a non ser cun feitizo merliniano. A práctica museira é a mellor engranaxe para poder chegar a presumir de se-lo mellor xogador do mundo, como adoitan fachendea-los xogadores de Mus.
Sirvan, pois, estas liñas, como orixinario manual táctico; a técnica é máis complexa e adquírese no exercicio práctico das partidas. Di o refraneiro que "onde houbo lume, sempre cinza queda". Agardamos que desta cacharela repouse a borralla da aprendizaxe.
O desexo é que cada día haxa máis xogadores de Mus, porque estariamos propiciando que houbese mellores persoas…

Finito
Estou certo de que a tentación de sentármonos nalgures a xogar, estará presente no soño dalgún becario; debedes considerar que o meu eterno nivel de mestría non me aconsella precisamente estar predisposto a transmiti-la miña sapiencia a cotío. Fágoo no verán en Portonovo con Xosé Manuel e no inverno de cando en vez, se se tercia.
As "Leis de Mendel" sobre o particular son concluíntes…
Se tede-la fortuna de atopármonos nunha mesa de xogo, será un pracer ensinarvos algo máis amosándovo-la nosa infinita superioridade...

volver a principal